OS GLACIARES DO EVEREST: EN PERIGO DE EXTINCIÓN?

cordilleira do Himalaia

Cordilleira do Himalaia, unha das maiores reservas de xeo de todo o planeta, onde se desenvolveu o estudo acerca da sensibilidade dos glaciares ante o cambio climático.

Os medios de comunicación recollen esta semana unha pésima noticia para o noso planeta, con consecuencias fatais para a vida diaria de millóns de persoas: a finais deste século o Everest podería perder a práctica totalidade dos seus glaciares, como consecuencia do cambio climático e da emisión de gases de efecto invernadoiro.

Isto, cando menos, é o que revela un estudo levado a cabo por Joseph Shea, hidrólogo experto en glaciares e investigador do ICIMOD (siglas en inglés do Centro Internacional para o Desenvolvemento Integral das Montañas), Walter Immerzeel, xeólogo da Universidade de Utrech (Países Baixos) e outros glaciólogos do Centro nacional de Investigación Científica de Francia.

O traballo, publicado recentemente en The Cryosphere, a revista da Unión Europea de Xeociencias (EGU), examina a sensibilidade dos glaciares do Nepal na conca do Dudh Koshi ante o aumento das temperaturas, as variacións das chuvias no monzón, e a fusión destas dúas variables coas previsións de emisión de CO2 establecidas polo Panel  Intergubernamental para o Cambio Climático, nunha área de 400 Km², que serviría de modelo ao que podería ocorrer en toda a cordilleira.

Para levar a cabo o seu estudo, usaron datos das precipitacións e temperaturas rexistradas nas  últimas décadas e a partir de aí estableceron un modelo evolutivo dos glaciares, tendo en conta as chamadas RCP (rutas de concentración representativas, que son as traxectorias de emisión de CO₂ máis probables). Estas RCP establecen dous posibles escenarios:

  1. A ruta RCP 8.5, que se daría no caso en que os países non fixeran nada por reducir as emisións de CO₂, e traería como consecuencia un aumento da temperatura media global entre un 2,6⁰ e 4,8⁰. Isto provocaría a desaparición do xeo nas montañas nun 99%.
  2. A ruta RCP 4.5, que terá lugar se os países toman medidas para reducir o nivel de emisións de CO₂ na atmosfera. O aumento da temperatura sería de entre 1,1⁰ e 2,6⁰, e isto traería consigo a desaparición do 70% da masa glaciar.

Ata o de agora, nesta zona producíase un equilibrio que garantía a conservación dos glaciares: na época do monzón, que é cando máis chove, pero tamén cando vai máis calor, os glaciares gañaban masa nas zonas máis altas, polas nevadas, e isto  compensaba a perda na zonas baixas polo desxeo. O estudo demostra que, co aumento da temperatura, este fráxil equilibrio se rompería e as precipitacións das zonas altas non compensarían as perdas aceleradas das zonas baixas. Ademais, está subindo o nivel de conxelación, é dicir, a altitude cuxa temperatura media mensual non supera os 0⁰, que aumentaría entre 800 e 1200 metros. Isto implica que só os glaciares de máis de 7000 m se conservarían todo o ano, e os de máis de 5000 m, no inverno. O resto desaparecerían.

Aquí vos deixo un enlace onde podedes ver a noticia emitida por irispress, unha revista audiovisual.

http://irispress.es/sociedad/2015/05/27/el-everest-puede-perder-el-99-de-sus-glaciares/

ARTIGO ORIXINAL

A comparación entre o artigo de divulgación, publicado no  diario El País, e o artigo orixinal, publicado na revista  xeocientífica The Cryosphere  permite extraer algunhas diferenzas fundamentais.

O primeiro que cómpre salientar é a pouca claridade do artigo de divulgación, xa que creo que está mal estruturado  e que non explica ben cales foron os métodos utilizados polos científicos; ademais,  obvian totalmente algúns aspectos fundamentais, como son as consecuencias que tería para o noso planeta a desaparición dos glaciares na zona do Himalaia.

Hai moitos aspectos do artigo de divulgación que creo que só se entenden unha vez lido o orixinal. Por exemplo, o parágrafo que menciona o método que usaron, non fala de APHRODITE (Asian Precipitation – Highly-Resolved Observational Data Integration Towards Evaluation), que fai referencia aos datos que se utilizaron para probar simulacións de modelos climáticos no norte da India e no Himalaia occidental, e para comparar datos de precipitación na rexión do Himalaia. De feito, no artigo orixinal dise que, para averiguar como ían evolucionar no futuro os glaciares desa rexión, o equipo comezou con observacións de campo e con datos das estacións meteorolóxicas locais para calibrar un modelo de cambio glaciar durante os últimos 50 anos. Para examinar a sensibilidade dos glaciares ao futuro cambio climático, aplicaron oito escenarios distintos de temperatura e precipitación aos datos históricos e rastrexaron como responderían as áreas glaciares e os seus volumes.

cuenca dudh koshi

Imaxe da conca do Dudh Koshi, no leste do Nepal, onde se amosan as extensións actuais dos glaciares (en azul), as estación de campo (en vermello), os xeorradares instalados (en amarelo). Tamén se amosan as extensión glaciarizadas e non glaciarizadas usadas para o modelo de calibración. O mapa inserido (B) amosa a conca do Dudh en relación ao subconxunto APHRODITE (a zona sombreada) e as localizacións dos lugares nomeados no texto.

Por outra banda, no artigo orixinal expón claramente cales poderían ser as consecuencias destes cambios no Everest; de feito, afírmase que as variacións no volume dos glaciares en resposta aos cambios climáticos teñen un impacto importante non só sobre os recursos hídricos, senón tamén sobre os perigos xeolóxicos (desprazamentos de masas, avalanchas, terremotos…). O impacto sobre o terreo sería enorme, xa que o desxeo acelerado pode crear lagos e aumentar os xa existentes. A sobrecarga de auga, unida ao risco de avalanchas e terremotos, pode acabar rompendo os diques e provocar inundacións catastróficas, co que iso supón para as comunidades locais (na agricultura, na xeración de enerxía hidroeléctrica, etc)

Finalmente, no artigo advírtese de que estes resultados son só unha primeira aproximación a unha reacción dos glaciares ante o aumento das temperaturas, e de que estas estimacións deben ser tomadas con cautela, porque xeran incertezas considerables. Ademais, sinálase que outras partes do Himalaia non teñen por que comportarse do mesmo xeito e poida que non sexan tan vulnerables como a área observada polo equipo de científicos, pero podería servir de orientación para futuras investigacións. .

OPINIÓN PERSOAL

Escollín este artigo porque me chamou a atención a importancia que pode ter no noso planeta a emisión de gases contaminantes na atmosfera, e como iso pode afectar á vida de millóns de persoas.

Aínda que se asegura no artigo que as conclusións non teñen unha certeza absoluta, de aí que haxa que tomalas con precaución, creo que as autoridades deben ter en conta este tipo de estudos e actuar en consecuencia, para poder vivir nun mundo máis seguro, sen que a vida de millóns de persoas poida estar en perigo como consecuencia dos cambios que se producen na natureza pola acción do home. A ver se por fin somos capaces de cumprir co Protocolo de Kioto, e reducir a emisión de CO₂ á atmosfera.

ARTIGO DIVULGATIVO

ARTIGO ORIXINAL

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Curso 2014-2015, Medio Ambiente coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to OS GLACIARES DO EVEREST: EN PERIGO DE EXTINCIÓN?

  1. MOI BEN, resumes correctamente a cuestión,
    pero podías mellorar o traballo co artigo orixinal, xa que te tomaches a molestia de dar co pdf do artigo completo:

    >> Cando buscas imaxes dun pdf, tes que amplialo antes para obter mellor resolución na extracción das figuras. Podes insertar unha imaxe de pouca resolución no post, pero cando picas nela debera abrirse unha imaxe con mellor resolución (como ésta)

    >> O traballo orixinal está cheo de datos cuantitativos expresados en gráficos, algúns dos cales se podían comentar. Fíxate nun detalle: corrían vinte veces os modelos de simulación, axustando en cada caso os parámetros de calibración (Táboa 2). Os resultados variaban, e representaban estas variacións con “diagramas de caixa” (plot-box) nos que se representa a mediana, 1º e 3º cuartil, e máis os valores extremos (tal como vimos en clase cos datos de resistencia a antimaláricos) Figuras 7, 12, 15, 18 .

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s